A entidade Escola de Tempo Libre Colaxe co número G-92, segúndo o establecido na Orden do 14 de Marzo de 2014 pola que se regula o Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia está inscrita co número de rexistro 0-986 como Entidade Voluntaria na consellería de Política Social e xuventude desde 28/07/2022 podendo acreditar experiencia das persoas voluntarias.
É beneficiaria dunha axuda para a posta en marcha do seu proxecto Achegados: Voluntariado interxeracional no medio rural concedida pola Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia e enmarcada no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiada pola Unión Europea-NextGenerationEU cuxa resolución foi publicada no DOG Núm. 140 do luns 24 de xullo de 2023.
O proxecto Achegados foi creado para brindar ás persoas formadas na Escola Tempo Libre Colaxe a posibilidade de realizar un voluntariado, adquirir experiencias de vida e coñecer oportunidades de futuro nas zonas rurais, así como para prestar atención a persoas maiores nas instalacións das Casas do Maior da rede de cooperativas da Costa da Morte en seis municipios da zona: Laxe, Camariñas, Coristanco, Cee, Mazaricos e Ponteceso.
Os obxectivos son brindar apoio interxeracional entre voluntarios onde se enriquezan mutuamente, novos e maiores, a través da experiencia e o intercambio de talento, experiencias de vida e coñecemento. Tamén dar apoio emocional e transmitir coñecementos, tanto sobre envellecemento saudable como tecnolóxico, ás persoas maiores a través dunha economía do coidado baseada na atención á persoa, mellorando a súa calidade de vida no medio rural.
Para conseguilos, farase a través dun sistema de parellas, cunha persoa voluntaria maior de 55 anos que tutelará a outra menor de 35, para recoñecer as posibilidades que ofrece o medio rural e mostrar aos mozos as oportunidades de futuro que pode deparar tanto a nivel individual como social. Así mesmo, recoñecer a experiencia das persoas maiores en diferentes ámbitos produtivos, así como captar as súas necesidades máis inmediatas de benestar, culturais ou vitais en función das súas preferencias e desexos. Dar resposta á necesidade de atención que precisan aquelas persoas que viven en situación de soidade e vulnerabilidade. Non se trata só de acompañarlles durante unhas horas, senón tamén de tratar de evitar as consecuencias negativas que estas situacións producen co tempo: illamento, depresión, baixa autoestima… Buscan promover un envellecemento digno e asistir ás familias de persoas maiores dependentes. Axudar ás persoas maiores a conectarse co novo mundo dixital e ensinarlles a utilizar todo tipo de ferramentas tecnolóxicas para que poidan, máis adiante, realizar por si mesmos as actividades do día a día, e ao mesmo tempo darlles apoio emocional.
En definitiva, con este proxecto piloto de Talento Interxeracional preténdese dar resposta a dúas grandes necesidades do rural, o problema do envellecemento da poboación e a falta de oportunidades laborais para os mozos. O obxectivo é crear espazos de encontro entre maiores e novos, facilitando o contacto e a comunicación entre xeracións e a transferencia de coñecementos.